Emisiones

A biomasa é un combustible practicamente neutro en canto a emisións de CO2, polo que pode xogar un papel fundamental na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, como o CO2, e contribuír así a reducir o impacto do cambio climático.

Nos últimos anos, e en boa parte debido ao importante crecemento da biomasa noutros países europeos, como Austria ou Alemaña, desenvolveuse unha lexislación ambiental para tratar de garantir un uso significativo e sustentable da biomasa.

En concreto, existen 4 actos lexislativos que é preciso ter en conta:

Real Decreto 430/2004 (transposición da Directiva 2001/80/CE) polo que se establecen novas normas sobre limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión, así como posteriores modificacións, como as incluídas no Real Decreto 815/2013 polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais. O Real Decreto 430/2013 afecta a instalacións de máis de 50 MW de potencia térmica nominal, e inclúe limitacións ás emisións para combustibles sólidos, líquidos e gasosos. Entre outros, establece valores límites de emisión para partículas, SO2 e NOX

Directiva (UE) 2015/2193 sobre a limitación das emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes das instalacións de combustión medianas. Esta Directiva afecta a instalacións de entre 1 MW e 50 MW de potencia térmica nominal, e debe ser trasposta á orde xurídica española. Entre outros, establece valores límites de emisión para partículas, SO2 e NONX. O MAGRAMA está a elaborar un proxecto de real decreto de protección da atmosfera que, entre outros, servirá para traspor esta Directiva.

Regulamento (UE) 2015/1189 en relación cos requisitos de deseño ecolóxico aplicables ás caldeiras de combustible sólido. Este Regulamento xa está en vigor, afecta a caldeiras de combustible sólido de menos de 500 kW, e comeza a aplicarse a novos equipos a partir do 1/1/2020. Entre outros, establece requisitos en canto á eficiencia enerxética e as emisións de partículas, compostos orgánicos gasosos, NOX e CO. Hai que ter en consideración que, ata datas recentes, para este tipo de equipos (caldeiras de combustible sólido de menos de 500 kW), a norma UNE 303-5 era a única referencia a nivel nacional en canto a rendemento e emisións de partículas, compostos orgánicos gasosos e CO.

Regulamento (UE) 2015/1185 en relación cos requisitos de deseño ecolóxico aplicables aos aparellos de calefacción local (estufas) de combustible sólido. Este Regulamento xa está en vigor, afecta a estufas de combustible sólido de menos de 50 kW, e comezará a aplicarse a novos equipos a partir do 01/01/2022. Entre outros, establece requisitos en canto á eficiencia enerxética e as emisións de partículas, compostos orgánicos gasosos, NOX e CO.


Ademais destes 4 actos lexislativos, que se centran en reducir as emisións procedentes deste tipo de equipos, existen outros 2 regulamentos relativos á etiquetaxe enerxética de caldeiras e aparellos de calefacción local (estufas) cos que convén estar familiarizados:
Regulamento delegado (UE) 2015/1187 no relativo á etiquetaxe enerxética de caldeiras de combustible sólido, incluíndo corrección de erros publicada o 07/08/2015 no Diario Oficial da Unión Europea. Este Regulamento xa está en vigor, afecta a caldeiras de combustible sólido de menos de 70 kW, e comezará a aplicarse a novos equipos a partir do 01/04/2017.

Regulamento delegado (UE) 2015/1186 no relativo á etiquetaxe enerxética dos aparellos de calefacción local (estufas). Este Regulamento xa está en vigor, afecta a aparellos de calefacción local (estufas) de menos de 50 kW, e comezará a aplicarse a novos equipos a partir do 01/01/2018.
É dicir, a partir de abril de 2017 para as caldeiras e de xaneiro de 2018 para as estufas, disporemos de información acerca da eficiencia enerxética deste tipo de equipos a través dunha etiqueta enerxética similar á que xa teñen hoxe en día aparellos de uso cotián como os frigoríficos ou as lavadoras.