Eólica

Aproximadamente o 2% da enerxía que chega do sol transfórmase en enerxía cinética dos ventos atmosféricos. O 35% desta enerxía disípase na capa atmosférica a tan só un quilómetro por encima do chan. Do resto, estímase que pola súa aleatoriedade e dispersión só podería ser utilizada unha treceava parte, cantidade suficiente para abastecer 10 veces o consumo actual de enerxía primaria mundial. Daí o seu enorme potencial e interese.

Para pequenas potencias integradas en contorna urbana ou semiurbana, conviven tipoloxías de aeroturbinas con tecnoloxías tanto de eixo horizontal como vertical. A partir de potencias unitarias relativamente pequenas, desde os 20 kW ou 30 kW, hoxe en día a tecnoloxía comercialmente estendida para o aproveitamento do vento é a de eixo horizontal: Cada aeroxerador consiste basicamente nun rotor a barlovento, dotado normalmente de tres pas con deseño aerodinámico, que capta a enerxía do vento e a transforma en enerxía mecánica de rotación. O movemento rotacional transmítese a través dun eixo e varias etapas multiplicadoras a un xerador ––xeralmente síncrono ou asíncrono dobremente alimentado––, cuxa función é a produción de enerxía eléctrica. Os elementos citados sitúanse sobre unha góndola ou bastidor soportado, á súa vez, por unha torre ou fuste.

Os parques eólicos, tanto en terra como en mar, están formados por unha serie de aeroxeradores que captan a enerxía cinética do vento para a súa transformación en enerxía eléctrica. A enerxía eléctrica producida por cada un dos aeroxeradores, normalmente a media tensión, é transportada por vía subterránea a unha estación transformadora que eleva a súa tensión e posteriormente, mediante unha liña de evacuación, é inxectada na rede de distribución ou de transporte no punto de conexión outorgado.

Os aeroxeradores habitualmente disponse en filas, perpendiculares á dirección do vento predominante, separados entre eles un tres diámetros de rotor. Con esta separación trátase de evitar que as turbulencias provocadas no vento por cada máquina afecten o resto de aeroxeradores. Pola mesma razón, a separación entre filas paralelas de aeroxeradores adoita ser superior a sete diámetros de rotor.

Xa existen no mercado, ou próximos ao seu lanzamento comercial, enormes máquinas con dimensións que desafían os límites da resistencia de materiais e das técnicas coñecidas para o transporte e a montaxe: Diámetros de rotor ata os 180 m, alturas de cubo de 150 m e potencias unitarias de 10.000 kW de potencia nominal. Hainas situadas en terra, na liña da costa ou mar dentro. 

As aplicacións da enerxía eólica son moi diversas, dependendo do seu tamaño e localización: Empréganse para xerar electricidade a gran escala ou para subministración eléctrica de vivendas ou servizos illados da rede, para bombear auga, para sistemas de telecomunicacións, para desalinizar auga do mar, etc.

no-alt
Galician