Calidade do combustible

Normas ISO/UNE

A medida que se desenvolveu o uso da biomasa, desenvolvéronse tamén padróns de calidade para tratar de garantir a comercialización dun produto homoxéneo e de calidade verificable.

 

ISO 17225: a nivel internacional, ISO desenvolveu unha serie de normas (8), que afectan os biocombustibles sólidos máis utilizados a nivel internacional, como son os pellets, as achas e a leña.

UNE 164003 e UNE 164004: ademais, a nivel nacional, e co fin de ter en consideración os biocombustibles sólidos característicos do mercado español, desenvolvéronse normas de calidade relativas á carabuña da oliva e ás cascas de froitos.

 

Certificación ENplus®

É un sistema de certificación privado baseado no estándar internacional ISO 17225-2, e fai referencia exclusivamente aos pellets de madeira para usos non industriais. Clasifícaos en tres calidades: A1 (pellets de madeira virxe e residuos de madeira sen tratar quimicamente, con baixos contidos en cinzas, nitróxeno e cloro); A2 (combustibles cun contido lixeiramente máis alto en cinzas, nitróxeno e/ou cloro); e B (pellets en cuxa produción se puido empregar tamén madeira reciclada e residuos industriais). Tamén se inclúen valores para o contido dos metais pesados. Os dereitos da marca ENplus® posúeos o European Pellet Council, sendo AVEBIOM o licenciatario nacional encargado da xestión do sistema en España.

 

Certificación BIOmasud®

É un sistema de certificación de calidade e sustentabilidade privado froito dun proxecto Europeo do mesmo nome financiado con fondos FEDER no marco do programa Interreg IV-B. É un sistema de certificación para Biocombustibles Mediterráneos: pellets de madeira, carabuña de oliva, achas de madeira e cascas de froitos secos. Para pellets de madeira e achas, o sistema está baseado en padróns internacionais: ISO 17225-2 para pellets de madeira e 17225-4 para achas; mentres que, para o resto de biocombustibles, baséase en pre-padróns propios desenvolvidos no proxecto. Á parte da calidade, o sistema tamén ten requisitos de sustentabilidade tales como a pegada de carbono ou a enerxía gastada para producir o biocombustible. Os dereitos da marca BIOmasud® en España posúennos AVEBIOM e CIEMAT. En xaneiro de 2016 tivo inicio o proxecto Biomasud Plus, co fin de desenvolver e mellorar o sistema incrementando o número de biocombustibles, os países envolvidos e os criterios de sustentabilidade.

no-alt