Tipos de subministracións. Explicación de conceptos
Tipos de subministracións. Explicación de conceptos
- O gas natural é unha fonte de enerxía fósil formada por unha mestura de gases que se encontra frecuentemente en xacementos subterráneos. Aínda que a súa composición varía en función do xacemento do que se extrae, está composto principalmente por un gas de efecto invernadoiro, o metano, en cantidades que comunmente poden superar o 90 ou o 95%.
- O gas butano comercial é un gas licuado, obtido por destilación do petróleo, composto principalmente polos hidrocarburos: butano normal e isobutano. É un gas incoloro e inodoro, na súa elaboración engádeselle un odorizante que lle confire un olor desagradable. Isto permite detectalo nunha fuga, porque é altamente volátil e pode provocar unha explosión.
- O gasóleo é un líquido formado por unha mestura de hidrocarburos, produto da destilación de petróleo nas refinerías. Os seus usos principais son a calefacción e os motores de vehículos.
- Electricidade, é un vector enerxético que pode empregarse para xerar movemento, calor e iluminación. Xérase aproveitando unha propiedade fundamental da materia que se manifesta pola atracción ou repulsión entre as súas partes, orixinada pola existencia de electróns, con carga negativa, ou protóns, con carga positiva.
- Entre as fontes enerxéticas renovables, destaca o uso de produtos obtidos a partir de materia orgánica susceptible de aproveitamento enerxético. Estes produtos compoñen o que se denomina comunmente “biomasa”.
Esta definición abrangue unha ampla gama de produtos de diversas orixes e con características moi diferentes. Desde a tradicional leña, os residuos de cultivos forestais ou agrícolas, residuos de podas de xardíns, residuos de industrias agroforestais, cultivos con fins enerxéticos, etc., todos poden considerarse dentro da devandita definición. Esta diversidade xera unha amplitude de recursos e aplicacións que nos permite pensar na súa utilización como substitutos de combustibles sólidos, líquidos ou gasosos.
O uso actual da biomasa é en caldeiras modernas para a produción de auga quente e calefacción, con rendementos elevados próximos ao 90%, totalmente automatizados e silenciosos que se abastecen dunha biomasa pretratada en forma de cilindros de tamaño pequeno os pélets ou mediano as briquetas.
O punto que marca a diferenza entre a biomasa e os combustibles convencionais é o seu balance neutro de emisións, sen unha contribución neta á contaminación atmosférica. Primeiro cáptanse CO2 e outros gases da atmosfera, que son devoltos na combustión. Ademais, as cinzas producidas na combustión poden reciclarse como fertilizantes.
- A enerxía solar é a enerxía que provén do sol. A enerxía solar pode aproveitarse para xerar electricidade, ou calor.
A enerxía solar fotovoltaica consiste na conversión directa da luz solar en electricidade. Esta transformación é un fenómeno físico coñecido como efecto fotovoltaico. No efecto fotovoltaico a enerxía da luz solar excita os electróns dos elementos químicos semicondutores dispostos en paneis, o que produce unha corrente eléctrica.
A enerxía solar térmica consiste na transformación da enerxía do sol en calor, grazas á utilización de paneis solares que contén un tubo polo que circula a auga que posteriormente poderá utilizarse na calefacción ou como auga quente sanitaria nas billas.