Buscador de contidos de IDAE

icono facebook icono twitter
Infomación IDAE
Regístrate
A +    A -   

Plan de aforro de enerxía: 31 medidas

As 31 medidas para intensificar o aforro e a eficiencia enerxética do noso país, que engloban 4 ámbitos de actuación distintos e que complementan a outras xa en marcha, están motivadas polo novo escenario que deriva da suba do prezo do petróleo dos últimos tempos.

Este escenario é común a todos os países importadores, polo que, en principio, non tería que afectar á competitividade da economía española. No entanto, hai circunstancias no escenario enerxético español que fan máis preocupantes as recentes tendencias nos prezos da enerxía. O elevado peso dos combustibles fósiles no noso balance enerxético, xunto coa nosa elevada dependencia enerxética e o noso excesivo consumo de enerxía, fan o noso país máis vulnerable ante o novo escenario de prezos enerxéticos. Segundo datos oficiais, só tendo en conta o aumento do prezo do petróleo no último ano, “hoxe o noso país é 17.000 millóns de euros máis pobre que hai un ano”.

A acción do Goberno pasa por “unha dobre liña de actuación”. A medio e longo prazo, xa que é un proceso que require tempo e unha importante marxe de evolución da tecnoloxía, España seguirá impulsando as enerxías renovables. Deste xeito reducirase o peso dos combustibles fósiles no noso consumo, co positivo impacto sobre as emisións de CO2 e, ao ser fontes enerxéticas autóctonas, sobre a dependencia enerxética externa.

Pero a curto prazo, España daralles un novo pulo ao aforro e á eficiencia enerxética. Os beneficios do aforro enerxético non se limitan á redución da dependencia externa, senón que se estenden ao ámbito da sostibilidade ao se reduciren as emisións de CO2.

Obxectivos e liñas de actuación

O Plan proponse para o horizonte temporal 2008-2011 e ten como obxectivo lograr reducir o consumo de enerxía en 44 millóns de barrís de petróleo, o que equivale a un aforro de 6 millóns de toneladas de petróleo. Ou o que é o mesmo, o equivalente ao 10% das importacións anuais de petróleo de España.

Para alcanzar estes obxectivos preténdese actuar sobre o sector do transporte, responsable do 40% do consumo final de enerxía, a industria, responsable do 30%, o sector residencial, responsable do 17%, o sector terciario, responsable do 9%, e o sector agrícola que consome o 4% da enerxía final. As medidas do plan articúlanse ao redor de 4 liñas de actuación. Unha primeira liña de actuación transversal, unha segunda de mobilidade, unha terceira de edificios e unha última de aforro eléctrico.

 Medidas transversais 

  1. O impulso ao desenvolvemento de empresas de servizos enerxéticos é unha das medidas de carácter transversal que se vai pór en marcha. Unha empresa de servizos enerxéticos optimiza a xestión e as instalacións enerxéticas do cliente, recuperando os investimentos a través dos aforros conseguidos no medio e longo prazo. Para impulsalas garantirase a súa seguridade xurídica, facilitaráselles o financiamento e farase tamén contratación pública.
  2. Así mesmo, o Ministerio vai duplicar o orzamento do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía –IDAE– para o apoio de proxectos estratéxicos de grandes empresas e grupos industriais. O IDAE disporá de 120 millóns de euros, en vez dos 60 millóns previstos anteriormente, para axudar a impulsar estes proxectos
  3. As empresas acreditadas enerxeticamente, é dicir, empresas con certificado AENOR, terán vantaxe na contratación pública. 
  4. Finalmente, dentro deste eixe de actuacións transversais ou horizontais, imos asinar neste mesmo ano un convenio co Consello de Consumidores e Usuarios para levar a cabo, a través das asociacións de consumidores e usuarios, campañas de formación e información sobre os instrumentos e beneficios do aforro enerxético.


    Mobilidade

    No sector da mobilidade impulsaranse medidas nos vehículos (para unha condución máis eficiente) e adoptaranse iniciativas que afectan ao transporte público. Ademais, levarase a cabo un proxecto piloto para fomentar o uso do vehículo eléctrico. 
  1. No ámbito dos vehículos, levarase a cabo un proxecto piloto de introdución de vehículos eléctricos en colaboración coas comunidades autónomas e as entidades locais, co obxectivo de demostrar a súa viabilidade técnica, enerxética e económica. Este proxecto, consensuado co sector da automoción, marcará como obxectivo dispoñer dun millón de vehículos eléctricos e híbridos en 2014, primando na medida do posible a produción no interior.
  2. A Administración xeral do Estado, dentro dos procedementos de contratación pública, establecerá un criterio de preferencia sobre os vehículos turismos de clase de eficiencia enerxética A. 
  3. Nas frotas de vehículos públicos en 2009, introducirase como requisito obrigatorio mínimo o 20% de biocarburantes, para avanzar cara ao obxectivo establecido do 38% en 2012.
  4. En relación cos biocarburantes, levaranse a cabo os desenvolvementos regulamentarios necesarios para asegurar o cumprimento do obxectivo do 5,83% do consumo de combustibles para a automoción en 2010.
  5. O Plan VIVE (Vehículo Innovador - Vehículo Ecolóxico) é outra medida que estará en vigor ata 2010, e permitirá renovar preto de 240.000 vehículos con máis de 15 anos de antigüidade, o que traerá consigo un aforro importante de consumo de petróleo, ademais dunha maior seguridade vial e unha redución de emisións de CO2.
  6. Seguindo o modelo utilizado en electrodomésticos, esixiráselles aos fabricantes de vehículos que informen os consumidores sobre as emisións e o consumo enerxético do vehículo que se vaia adquirir, mediante unha etiqueta enerxética comparativa.
  7. Para fomentar unha condución eficiente en termos de consumo enerxético, presentarase, no prazo de 3 meses, unha proposta para reducir os límites de velocidade nun 20% de media no acceso ás grandes cidades e a súa circunvalación e nas vías de gran capacidade.
  8. Igualmente, levaranse a cabo campañas para comunicar e informar os cidadáns sobre técnicas de condución eficiente de vehículos.
  9. En relación co transporte público, negociarase co Banco Europeo de Investimentos unha liña específica de financiamento para o apoio dun número máis elevado de plans de mobilidade urbana sostible e, deste xeito, facilitar que os concellos poidan mellorar os seus sistemas de transporte público, buscar rutas alternativas, mercar vehículos eficientes, etc.
  10. Incorporaranse criterios de eficiencia enerxética á hora de determinar a achega da Administración central no financiamento do transporte público dos concellos.
  11. Esixiráselles aos operadores de rede de telefonía móbil garantir a cobertura na rede de metro de todas as cidades españolas.
  12. Acordarase coas comunidades autónomas e as corporacións locais correspondentes a extensión do horario de apertura do metro durante as fins de semana.
  13. Así mesmo, promoverase o transporte urbano en bicicleta, logo de acordo coas entidades locais, apoiando a implantación de sistemas de bicicletas de uso público e carrís de bici urbanos.
  14. No caso das cidades de máis de cincocentos mil habitantes, poranse en marcha no horizonte 2012 carrís reservados ao transporte colectivo de viaxeiros, os denominados BUS-VAO. 
  15. A Administración xeral do Estado contará con plans de mobilidade de traballadores dos centros con máis de 100 traballadores, establecendo, entre outras medidas, rutas de autobuses en función dos domicilios dos traballadores, para que estes poidan acceder ao seu lugar de traballo sen utilizar o vehículo privado.
  16. Optimizaranse as rutas aéreas utilizando os corredores do espazo aéreo do Ministerio de Defensa. Esta medida permitirá reducir a lonxitude das rutas aéreas comerciais ata un máximo do 10%, cun notable aforro de combustible.

    Aforro enerxético en edificios.
     
  17. En canto ás medidas de aforro enerxético que afectan aos edificios, destaca a limitación da temperatura no interior dos edificios climatizados de uso non residencial e outros espazos públicos, excluídos os hospitais e outros centros que requiran condicións ambientais especiais. Desta maneira, a temperatura nestes edificios e espazos públicos non poderá baixar dos 26º no verán, nin ser superior aos 21º graos no inverno.
  18. No marco do Plan RENOVE de infraestruturas turísticas, dotado con 500 millóns de euros en 2009, reservaremos unha parte desta liña para o financiamento de investimentos que promovan o aforro enerxético destas instalacións.
  19. Modificación do Real decreto de edificación enerxética de edificios novos para establecer a obrigatoriedade de que os edificios novos da Administración xeral do Estado alcancen unha alta cualificación enerxética.

    Medidas de aforro eléctrico.
     
  20. Traballarase coa Comisión Europea para adiantar a eliminación completa do mercado de lámpadas de baixa eficiencia ao ano 2012.
  21. Para facilitar este tránsito e mentres se alcanza a eliminación total, vaise repartir gratuitamente, e a través de vales de regalo na factura da luz, unha lámpada de baixo consumo por cada fogar en 2009 e outra en 2010. En total, ao redor de 49 millóns de lámpadas de baixo consumo gratuítas para todos os consumidores que, tendo en conta que consomen un 80% de enerxía menos ca as lámpadas incandescentes e que duran entre 6 e 8 veces máis, vai xerar un importante aforro de electricidade. O programa articularase mediante unha convocatoria pública dirixida a todos os fabricantes.
  22. Complementariamente á actuación anterior, repartiranse 6 millóns de lámpadas de baixo consumo, mediante un programa 2x1 para a substitución voluntaria das lámpadas incandescentes.
  23. No caso do consumo eléctrico por parte da Administración xeral do Estado, establecerase o obxectivo obrigatorio dunha redución do 10% efectiva na primeira metade de 2009 con respecto ao mesmo período do ano 2008. Este nivel de aforro manterase de xeito permanente no trienio.
  24. No ámbito da iluminación pública, mellorarase a eficiencia enerxética en instalacións de iluminación pública exterior.
  25. Así mesmo, reducirase nun 50% o consumo enerxético de iluminación de autovías e autoestradas.
  26. Impulsarase unha norma que lles permita ás empresas ferroviarias urbanas e interurbanas compensar na súa factura a electricidade recuperada por freada. 
  27. Finalmente, diminuiranse as perdas en transporte e distribución de enerxía eléctrica.


 

En conxunto, estas 31 medidas terán un custo de 245 millóns de euros que se repartirán ao longo do período de duración do Plan e que estará financiado na súa maior parte polo IDAE. Co impulso destas medidas, o aforro total estimado en 2011 situarase entre os 5,8 e os 6,4 millóns de toneladas equivalentes de petróleo ou, o que é o mesmo, o equivalente a un aforro de entre 42,5 e 47 millóns de barrís de petróleo.
 







RSS Logo de W3C que indica CSS válidas Logo que indica que o XHTML é valido
© IDAE Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía. C/Madera, 8 - 28004 Madrid - Tel. 91 456 49 00
Goberno de EspańaMinisterio de Industria, Enerxía e Turismo