Ao adquirir un tractor novo parouse a pensar cal é o que consumirá menos gasóleo durante a súa vida útil? Cal é o máis eficiente?
O IDAE e o Ministerio do Medio e Medio Rural e Mariño desenvolveron unha metodoloxía para a clasificación dos tractores agrícolas en función da súa eficiencia enerxética (como cos electrodomésticos e os automóbiles).
A dita clasificación foi obtida dos laboratorios oficiais OCDE.
Repase a clasificación e infórmese do que vai comprar desde o punto de vista enerxético. Teña en conta que o Ministerio do Medio e Medio Rural e Mariño no Real decreto 457/2010 (axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola) prima a compra dos tractores novos máis eficientes, incrementando a contía base da axuda en 30 euros/CV por pertencer á categoría de eficiencia enerxética A e en 10 euros/CV por pertencer á categoría B, segundo as táboas publicadas na súa páxina web.
O Plan de acción da estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España (E4) inclúe á agricultura, pesca e gandaría como un dos sectores estratéxicos de actuación, acadando no ano 2010 a cifra de consumo de 3 270 ktep, o que representou o 3,5% do consumo de enerxía final de España nese ano.
Dentro deste consumo, o relativo ao da maquinaria autopropulsada en agricultura e gandaría representou un 53%, sendo na súa maioría orixinado polo uso de tractores nas prácticas do cultivo e da labra da terra. Por tanto, a redución do consumo de enerxía virá determinada en gran medida pola mellora da eficiencia enerxética dos tractores.
Grazas á iniciativa do IDAE e do Ministerio do Medio e Medio Rural e Mariño, propúxose establecer criterios de eficiencia enerxética nos plans de renovación de tractores que abordase a Administración. Isto obrigou a desenvolver un procedemento de catalogación dos tractores agrícolas en función da súa eficiencia enerxética para, posteriormente, primar o destino dos apoios públicos pola compra de tractores máis eficientes. Coa axuda dun equipo de profesores das Escolas Técnicas Superiores de Enxeñeiros Agrónomos e de Enxeñeiros Industriais da UPM, desenvolveuse a metodoloxía para a dita clasificación enerxética.
A cualificación baséase nos datos obtidos dos laboratorios oficiais OCDE nos que se miden datos de potencia e consumo de combustible. Estes datos permitiron que a Estación de Mecánica Agrícola do MARM realizase a clasificación segundo a eficiencia enerxética dos tractores agrícolas que se comercializan en España.
Deste xeito achégase aos agricultores unha información sinxela, útil e eficaz sobre o tractor que van comprar desde o punto de vista enerxético, cun método para comparar a eficiencia enerxética de gran parte dos modelos presentes no mercado español.
Metodoloxía para a cualificación dos tractores en base á súa eficiencia enerxética
Calculouse un índice ckt a partir de distintos valores de consumo específicos dos tractores. A clasificación de eficiencia enerxética lévase a cabo en función da relación entre o valor ckt e a potencia nominal, que é un factor que se debe considerar na análise comparativa. (O consumo específico dos tractores diminúe ao aumentar a potencia).
A figura seguinte amosa a nube de puntos de coordenadas índice ckt con respecto á potencia nominal.

A distribución dos modelos nos distintos intervalos en función do índice ckt e da súa potencia nominal foi establecida en cinco franxas do A ao E.
Os intervalos empregados nesta clasificación son semipechados e sempre favorecen a clasificación dun modelo que posúa un valor ckt situado sobre unha liña fronteiriza dentro do intervalo máis eficiente. O resultado desta clasificación para o 2011 amósase na figura onde os 421 modelos de tractores estudados foron distribuídos por categorías.

Segundo os niveis de potencia e o tipo de motricidade, os 421 tractores analizados distribúense do seguinte xeito:
| POTENCIA | CUALIFICACIÓN ENERXÉTICA | MOTRICIDADE | |||||||
| Rango | ud. | A | B | C | D | E | 2 RM | 4 RM | CADEAS |
| >250 CV | 23 | 13 | 3 | 1 | 5 | 1 | -- | 16 | 7 |
| 150 - 250 CV | 76 | 23 | 29 | 17 | 3 | 4 | -- | 74 | 2 |
| 100 - 150 CV | 116 | 7 | 37 | 41 | 28 | 3 | 4 | 112 | -- |
| 50 - 100 CV | 184 | 29 | 51 | 44 | 38 | 22 | 29 | 155 | -- |
| < 50 CV | 22 | -- | 7 | 5 | 1 | 9 | 7 | 15 | -- |
| Total | 421 | 72 | 1127 | 108 | 75 | 39 | 40 | 372 | 9 |
Os modelos de tractores da lista son os que, tendo datos segundo a normativa, foron ensaiados seguindo o procedemento explicado anteriormente, e onde se concluíu que pertencen a unha das cinco categorías enerxéticas.
Poden existir diferenzas entre os modelos desta lista con respecto aos da lista publicada polo Ministerio do Medio e Medio Rural e Mariño. Isto é debido a que na lista do IDAE están todos os modelos ensaiados e que se puideron clasificar por posuír os datos aínda que nalgún momento non se comercialicen en España. Pola contra, na lista do Ministerio figuran os modelos ensaiados que se comercializan en España, polo que só son subvencionables polo Plan RENOVE no apartado da eficiencia enerxética os modelos da páxina web do Ministerio do Medio Rural e Mariño con categorías A e B.