O transporte é o sector que máis enerxía consume en España, acadando un 39% do total nacional. É de resaltar neste sentido que, soamente o vehículo turismo representa aproximadamente o 15% de toda a enerxía final consumida en España.
O IDAE, no marco da Estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España 2004-2012 (E4) e do seu Plan de acción 2008-2012, está desenvolvendo un conxunto de proxectos e actuacións que promoven a eficiencia e a diversificación enerxética na mobilidade das persoas e das mercadorías, sobre todo no subsector da estrada que absorbe preto do 80% da enerxía consumida no sector do transporte. Ademais, participa noutros proxectos de carácter innovador pola súa tecnoloxía, polas súas propostas organizativas, polas súas novidosas propostas normativas e polo seu fortalecemento da concienciación e información para as empresas e os cidadáns. Todo isto vai encamiñado a mellorar os hábitos de consumo enerxético, pouco racionais no transporte.
Debido ao carácter pluridisciplinar do sector, estas actividades lévanse a cabo coa colaboración das distintas administracións (xeral do Estado, autonómica e local), as asociacións empresariais, as organizacións sociais e as empresas que operan no sector.
Así mesmo, o IDAE participa activamente en proxectos e outras actividades relacionadas co transporte, promovidas pola Unión Europea, e nos grupos de traballo de EnR (Asociación Europea de Axencias de Enerxía) e da AIE (Axencia Internacional da Enerxía).
A mellora da eficiencia enerxética no transporte fundaméntase en tres grandes bloques de medidas:
Medidas de fomento do cambio modal: principalmente desde o transporte motorizado individual ata modos máis sustentables: camiñar, bicicleta e transporte colectivo. Neste apartado encádranse como actuacións principais a promoción dos plans de mobilidade urbana sustentable (no ámbito urbano e metropolitano), os plans de transporte ao traballo (no ámbito laboral), a promoción de sistemas de bicicleta pública e os proxectos piloto de implantación de lanzadeiras e servizos específicos de transporte colectivo.
Medidas de fomento da renovación de frotas de transporte: promoción da substitución de tecnoloxías convencionais de automoción por vehículos, con tecnoloxías e/ou combustibles alternativos, máis eficientes, como vehículos híbridos, eléctricos, de gas natural e de gases licuados do petróleo.
Tamén se promove a compra de vehículos convencionais eficientes: clase A (base de datos de consumos e emisións de vehículos novos á venta en España).
Medidas de fomento do uso racional dos medios de transporte: aplicación de técnicas de condución eficiente aos distintos medios de transporte, xestión eficiente das frotas de transporte e promoción de viaxes compartidos en coche (car-pooling) e do uso de clubes de coches (car-sharing).
Así mesmo, o IDEA participa activamente en asociacións, foros e grupos de traballo do sector no ámbito nacional, promovendo iniciativas e achegando a súa visión e apoio institucional ás actuacións que se impulsan neles. Merece especial mención a participación do IDAE nas seguintes entidades:
Foro “FOREVE” do vehículo eléctrico (Membro fundador)
Plataforma Tecnolóxica da Estrada –PTEC- (Presidencia da Mesa de traballo de Enerxía e Estrada)
Asociación Española do Hidróxeno (Membro fundador)
Ademais, o IDAE participa en proxectos e actividades no ámbito internacional, relacionadas coa eficiencia enerxética no sector do transporte, entre as que se atopan:
Grupo de traballo EnR Transporte (Asociación Europea de Axencias de Enerxía)
Proxecto Grid for vehicles (Membros de Advisory board). 7º Programa Marco de I+D da UE.
Implementing Agreement da AIE para a implantación do vehículo híbrido e eléctrico (IA-HEV)
Implementing Agreement da AIE para a implantación de combustibles alternativos (IA-AMF Advanced Motor Fuels).
Colaboración co MITeC na iniciativa gobernamental de promoción do vehículo eléctrico «Electric Vehicle Initiative (EVI)».
Máis información no Departamento de Transporte do IDAE