O Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía, IDAE, é unha entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Secretaría de Estado de Enerxía, de quen depende organicamente.
A consecución dos obxectivos que marcan as planificacións referidas ao aforro, á eficiencia enerxética e ás enerxías renovables constitúe o marco estratéxico da súa actividade.
Así, ademais de coordinar e xestionar conxuntamente coas comunidades autónomas as medidas e os fondos destinados ás ditas planificacións, o IDAE leva a cabo accións de difusión, asesoramento técnico, desenvolvemento e financiamento de proxectos de innovación tecnolóxica e de carácter replicable.
Así mesmo, o Instituto desenvolve unha intensa actividade de carácter internacional, no marco de distintos programas europeos, así como proxectos de cooperación con terceiros países.
A execución de campañas de formación e sensibilización e a elaboración de contidos divulgativos orientados a construír unha cultura social da enerxía que teña en conta o valor dos recursos e a necesidade de consumilos de xeito intelixente, constitúe, así mesmo, un dos nosos compromisos.
En definitiva, a acción do IDAE está orientada á consecución dun novo modelo enerxético que, garantindo a calidade e a seguridade da subministración, fomente a competitividade das empresas españolas en base á sustentabilidade.
Outra información de interese:
Memoria IDAE 2009. Acceda á versión navegable. Pode solicitar a versión impresa a través do noso Departamento de Publicacións.