Campaña de sensibilización cidadá “Aforra enerxía”
Nesta campaña utilizamos un logo-marca que identificará as accións, os proxectos e programas que se están levando a cabo dentro do Plan de activación de aforro e eficiencia enerxética 2008-2011.
Acceda aos anuncios da campaña
O conxunto da campaña, incluído o lanzamento da marca, responde á sinatura dun convenio de colaboración firmado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e a Real Federación Española de Fútbol que inclúe, ademais da prescrición dos xogadores nos medios de comunicación, a presenza da marca con consellos de aforro nos estadios. Así mesmo, levaranse a cabo accións directas cos cidadáns no ámbito da celebración de partidos e instalacións deportivas, incluída a Cidade do Fútbol das Rozas (Madrid), ademais de actuacións na rede, etc. No ámbito deste mesmo acordo de colaboración, o IDAE realizará unha auditoría enerxética na devandita Cidade do Fútbol, sede da Selección Española para optimizar os seus consumos enerxéticos en iluminación, climatización, etc; e estudar a posibilidade de implantar enerxías renovables. O obxectivo é converter en exemplar este emblemático conxunto deportivo.
A sinatura deste convenio inscríbese no marco das accións de sensibilización e difusión previstas no Plan de activación de aforro e eficiencia enerxética 2008-2011, que ten como obxectivo que España, cunha dependencia enerxética de subministracións externas superior ao 80%, logre ao final do período reducir o consumo enerxético en 44 millóns de barrís de petróleo ou, o que é o mesmo, o equivalente ao 10% das nosas importacións anuais de cru.
A marca
Trátase dunha logo-marca que visualmente reflicte a acción dunha man sobre un interruptor. Incorpora, así mesmo, o concepto “Aforra enerxía” e as cores que a representan son a vermella e a amarela, ao igual ca en todas as identificacións dos organismos ministeriais, como expresión do público.
A súa aplicación transcenderá á da campaña xa que nace co propósito de asinar todas aquelas actuacións, proxectos e programas que se levan a cabo no ámbito de implantación das medidas previstas no Plan de activación e a Estratexia de aforro e eficiencia enerxética para España, a cal pon en xogo recursos públicos por valor de 2.367 millóns de euros. A nova marca, en definitiva, nace coa vocación de identificar estas accións, levadas a cabo co apoio público.
Algunhas desas accións afectan directamente aos cidadáns e é na difusión delas cando se fará tamén visible a marca “Aforra enerxía”; accións e medidas como o Plan RENOVE de electrodomésticos, o Plan de renovación do parque de vehículos, os plans de mobilidade urbana e promoción dos coches eléctricos, o programa de substitución de lámpadas incandescentes polas de baixo consumo, rehabilitación da envolvente térmica dos edificios, promoción da condución eficiente etc.
Sensibilizar os cidadáns
O obxectivo final da campaña de sensibilización é lograr a contribución dos consumidores aos obxectivos estratéxicos de aforro nesta materia que ten España.
Hai que ter en conta que os cidadáns (no fogar e cos nosos vehículos particulares) somos responsables do 30% do consumo total de enerxía do país e que esa porcentaxe se pode reducir sensiblemente mediante a suma de condutas individuais relacionadas co cambio de certos hábitos e a utilización intelixente dos electrodomésticos, a iluminación, a compra de equipos ou a utilización do vehículo.
Neste sentido, pódense destacar algúns datos relevantes. Por exemplo, que se se evitase o 1% dos traxectos en coche privado para ir ao traballo a favor do transporte público, se conseguiría un aforro anual de ata 20 millóns de litros de combustible, 49.000 toneladas de CO2 e 17 millóns de euros, en custo de enerxía. No caso da iluminación, con só que en cada un dos 13,5 millóns de fogares españois se instalase unha lámpada de baixo consumo, aforraríanse ata 200 millóns de euros ao ano, en custo de enerxía, ademais de 2 millóns de toneladas de CO2. Por cada grao de temperatura que se baixa a calefacción ou se sobe a do aire acondicionado, pódese chegar a aforrar ata un 7%. Coa condución eficiente, é dicir, de forma suave, sen golpes de aceleración e cos pneumáticos coa presión correcta, pódese reducir, así mesmo, o consumo ata nun 15%. E, outro exemplo, a relación de consumo por viaxeiro en transporte público é tres veces menor ca no coche.